O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá no salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha formación sobre agrotecnoloxía que se desenvolverá dende hoxe ata o venres 16 de decembro. Na súa intervención, o director destacou a importancia da formación e da transferencia de coñecementos para mellorar a profesionalización e a competitividade no agro.

Así, Cabarcos salientou que a Xunta centra os seus esforzos tanto na transferencia tecnolóxica como na formación profesional e adquisición de competencias por parte dos profesionais do sector agrogandeiro e forestal. Así mesmo, tamén se impulsa a formación do persoal técnico da propia Consellería do Medio Rural, para o desenvolvemento do seu importante labor de asesoramento público.

Deste xeito, o director indicou que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto desenvolver un completo programa formativo dirixido ao seu propio persoal técnico para proporcionarlle información sobre as últimas novidades nas materias de competencia da Consellería co fin de actualizar os seus coñecementos e adquirir novas capacidades que lles permitan mellorar na súa actividade profesional.

Itinerarios formativos

Así, este programa será desenvolvido dende este mesmo mes e ao longo do 2023, anunciou Cabarcos. Para iso, establecéronse inicialmente ata 11 itinerarios formativos altamente especializados que abundan nos sistemas de explotación de vacún de leite e carne, nos cultivos intensivos e extensivos, na apicultura e en actividades zootécnicas susceptibles de desenvolvemento en réxime extensivo, na viticultura, na fruticultura ou no cultivo de cogomelos e aproveitamentos forestais. Todos eles desenvolveranse en módulos, uns máis xenéricos e outros especializados, que no seu conxunto permitirán acadar unha formación completa para poder asesorar cos últimos coñecementos dispoñibles sobre cada materia aos agricultores, gandeiros e silvicultores.

Ademais, José Luis Cabarcos puxo en valor a clara aposta do Goberno galego pola formación que, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, plasmouse nas máis de 1.000 accións formativas desenvolvidas no bienio 2021-2022 en todos os ámbitos da súa competencia. A maiores, no mesmo período organizáronse case 300 actividades de transferencia tecnolóxica, entre as que se atopaban campos de ensaio e demostración.

Estas actividades, distribuídas por todo o territorio galego, destináronse principalmente a persoas vinculadas profesionalmente e de xeito directo cos sectores produtivos da agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos/as e mulleres do medio rural galego. A finalidade é facilitarlle ao sector agrario unha oferta formativa que impulse a súa sustentabilidade e competitividade, explicou Cabarcos.

 

Sobre a formación en agrotecnoloxía

A formación, que deu comezo hoxe, dará cumprida información e formación aos técnicos da Consellería do Medio Rural sobre as novas tecnoloxías aplicadas á agricultura buscando a incorporación da automatización, da dixitalización e da precisión nas actividades agrogandeiras.

Os sistemas de posicionamento por satélite e as súas aplicacións a actividades mecanizadas, a interacción entre máquinas ou as últimas tecnoloxías aplicadas á distribución de sementes, de fertilizantes ou de produtos fitosanitarios e o control mecánico de malas herbas son algunhas das materias que se impartirán. En concreto daráselle unha importancia especial no programa formativo a todo o relacionado coa agricultura e coa gandaría de precisión, utilizando exemplos prácticos particularmente dirixidos aos cultivos forraxeiros e a facilitar o manexo do gando.

Deste xeito, búscase ofrecer aos alumnos coñecementos teóricos e prácticos sobre o funcionamento de maquinaria de precisión, como colleitadoras de forraxe que miden parámetros de calidade e produción, así como a utilización de imaxes de satélite para seguimento de cultivos e a utilización de aplicacións que permiten a obtención de mapas de colleita ou informes de sementeira e colleita. A formación, que está impartida por empresas especializadas, complementarase tamén con información sobre os sistemas de guiado de maquinaria, a aplicación da tecnoloxía ISOBÚS (centrada no control electrónico de maquinaria, especialmente de tractores) ou os traballos de aplicación a dose variable, entre outras materias.

Fuente info
Autor: